Así pois, deu comezo un Pleno Cidadán no que se expuxeron as medidas a tomar: respecto ás edificacións xa existentes e á fisonomía dos barrios, a situación da Pranta de Compostaxe, a entrada do AVE, a protección das carballeiras e dos cauces fluviais e conservación das ribeiras do Miño, a eliminación desa nova “autovía” coa que se proxectaba unir O Ceao coa Louzaneta, o crecemento proporcionado dos núcleos rurais e a protección e catalogación do Camiño Primitivo ao seu paso por Lugo foron as reivindicacións que se presentaron, ante a atenta mirada dun nutrido grupo de concorrentes.
Semella que a realización deste acto de protesta non caeu en saco roto: pouco despois, no pleno oficial, os tres grupos políticos con representación no Concello acordaban o sometemento a aprobación provisoria en abril… a ver se desta vai.
Dende a Plataforma “Lugo: a mellor cidade do mundo!!!” seguiremos a demandar transparencia e información á cidadanía, unha nova exposición ao público para que os veciños e veciñas saiban que modificacións se introduciron no PXOM e en que medida lles afecta e a resposta ás alegacións que presentaron.
Por iso nos manteremos vixiantes e continuaremos a realizar actos de protesta coma este pasado “Pleno Cidadán”, pedindo que os cidadáns e cidadás coñezamos o Plan antes de que sexa aprobado, demandando que as decisións tomadas traspasen os muros do Concello e que se teñan en conta os verdadeiros intereses dos veciños e veciñas do concello de Lugo e non só os duns poucos.